23.4.06

En lembranza dos Mártires de Carral




Radiofusión realizará o vindeiro mércores 26 de abril un programa especial divulgativo en torno aos sucesos que acaeceron en Galiza en abril de 1846. Aqueles feitos remataron cun irregular Consello de Guerra e co fusilamento de 12 militares na vila coruñesa de Carral. O espacio poderá sintonizarse de 9 a 12 da mañá en RADIOFUSION Ferrolterra (107.7 da Frecuencia Modulada na área Ferrol A Coruña) e de 7 da tarde a 10 da noite no circuito galego das emisoras municipais.

Precisamente máis dun cento de viciños de Carral participaron o sábado 22 de abril nunha ofrenda floral lembrando aos denominados "Mártires da Liberdade". Representaron a obra de teatro de Manuel María "Abril de lume e ferro", coa asistencia da delegada provincial da Consellería de Cultura e Deportes Milagres Lantes.

A Real Academia Galega tamén organiza para o vindeiro mércores actos en lembranza dos fusilados. Os sucesos de abril de 1846 considéranse o primeiro episodio do galeguismo organizado, dado que, o que era un pronunciamento militar progresista do comandante Solís, convertiuse nun amplo movemento civil.